Monday 13 de May de 2024

O Concello avanza na creación dun carril bici e na ampliación das beirarrúas en Gregorio Hernández


A vía manterá as prazas de aparcadoiro e os carrís de circulación mediante a eliminación e o axuste do espazo central da estrada

Finalizados os traballos de ampliación de beirarrúa na avenida da Habana, que incorpora un radar pedagóxico para calmar o tráfico

O Concello avanza nos traballos de creación dun carril bici e na ampliación das beirarrúas na rúa Gregorio Hernández. Estase a actuar na parte central da calzada para proceder á reordenación dos carrís de circulación en ambos os sentidos.
Nos últimos días finalizáronse as modificacións levadas a cabo na medianeira e esta semana está programada a extensión da nova capa de rodaxe e o repintado dos carrís coa nova sinalización.

Mediante a eliminación desa zona central sen uso será posible manter o número de carrís en cada sentido, as prazas de aparcadoiro a ambos os lados da calzada e incorporar carril bici en cada un dos sentidos. A actuación completarase coa ampliación de beirarrúas nos cruzamentos coas rúas Valle Inclán, onde tamén se executará un tramo de carril bici novo, e Virrey Osorio.

Por outra banda, xa finalizaron os traballos de ampliación de beirarrúas na avenida da Habana. Ademais, colocouse un novo radar pedagóxico en dirección ao paseo marítimo para calmar o tráfico na contorna. O Goberno de Inés Rey continúa con esta actuación integral estendendo a rede ciclable e conectando os distintos carrís bici da cidade, que xa supera os 55 quilómetros.

A actuación completa na avenida da Habana e en Gregorio Hernández conta cun orzamento que supera os 500.000 euros. A urbanización da avenida da Habana supuxo a creación dun carril bici bidireccional de 2,5 metros de ancho e unha lonxitude de 530 metros, enlazando co paseo marítimo a través da avenida de Bos Aires. Ademais, reurbanizouse a contorna e creáronse 22 novas prazas de aparcadoiro en batería. Pola súa banda, o carril bici de Gregorio Hernández terá unha lonxitude de 642 metros.